Florencio e Valentín
Mai 10th, 2012 by condesa

Neste número da revista Valnatura temos dous interesantes artigos que paga a pena ler, un sobre o noso poeta Florencio Delgado Gurriarán, persoeiro á quen vai adicada a nosa biblioteca, e, Valentín Paz Andrade, do que desvelan as súas relacións coa nosa bisbarra.
Botádelle un ollo.

Morre Maurice Sendak
Mai 9th, 2012 by condesa

Foisenos un dos máis monstrosos autores de álbumes infantis. Onde viven os monstros, libro do que posuimos unha fermosa edición en galego da man de Kalandraka é a obra senlleira deste gran ilustrador do libro infantil.
Seguiremos lembrándoo cada vez que un monstro nos asalte dende as páxinas dun libro.

Maurice Sendak e os monstros

Maurice Sendak e os monstros

Liña do tempo de Valentín Paz Andrade
Abr 27th, 2012 by condesa

Pois grazas aos alumnos e alumnas de 6º do cole, temos á nosa disposición unha liña do tempo do autor das letras galegas 2012, sen lugas ás dúbidas unha moi boa maneira de achegarnos á súa biografía.


Participa para mellorar a Biblioteca
Abr 26th, 2012 by condesa

Agora que xa imos cara ao fin de curso e que moitas das actividades que se teñen desenvolvido na biblioteca (mercadiño, clubes de lectura e escritura, olimpiada, os martes conto, vaille co conto ao profe, empréstamos, exposicións, proxecto documental…) xa se realizaron ou están case rematados, pedímovos a vosa axuda para tentar mellorar de cara ao ano que vén.
Participade cubrindo esta enquisa que nos axudará para que na programación do próximo curso nos acheguemos máis ás vosas necesidades, aos vosos gustos, ás vosas afeizóns.
Grazas por participar e facer cada día unha biblioteca mellor.

Gran éxito do mercadiño en infantil
Abr 23rd, 2012 by condesa

Pois si, acababa de soar o timbre do recreo e xa estaba, como quen di, todo o peixe vendido. Os chicos e chicas de infantil viñeron como raios á biblioteca para cambiar os seus dólares das letras por libros, e, foron tan rápidos que case non nos deron tempo a tomar unhas fotografías do evento.
Mañán a cita será co alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria, e o mércores cos maiores do colexio.
Como adianto un par de fotos da experiencia de hoxe.

O mercadiño montado para o intercambio

O mercadiño xa case baleiro de existencias

Feliz día do libro
Abr 23rd, 2012 by condesa

Este ano, como os anteriores o groso da celebración do día do libro será o mercadiño de intercambio de libros, pero queremos dende o blogue, engadir un pouco máis de contidos a este día.
Primeiro vos propoñemos unha viaxe por algúns Flipbooks, eses libriños que ao follealos con rapidez se convirten en precursores da animación cinematográfica.

E tamén este pequeno conto de animación sobre o mundo marabilloso dos libros.

Hans Christian Andersen
Abr 20th, 2012 by condesa

Dende o Ceip Mestres Goldar chega este moi completo e elaborado LIM sobre a vida e obra do escritor danés Hans Christian Andersen, sobre o que tamén traballamos nós este ano como se pode ver aquí.
Pero non podiamos deixar escapar a oportunidade de traballar con esta excelente aportación de Julia González que seguro que vai reforzar enormemente o que xa tiñamos aprendido sobre Andersen.
Moitas grazas á Julia e ao equipo de Mestres Goldar por compartir o seu traballo.

Contos clásicos no clube de lectura.
Abr 16th, 2012 by condesa

…e seguimos cos contos clásicos dos Irmáns Grimm e de H. C. Andersen no clube de lectura do grupo de 6ºB. Hai dúas semanas limos o conto «A laverca cantareira e saltareira» dos Irmáns Grimm, na que se congregaron nove persoas para escoitalo.
Éste venres pasado, tocóulle a H. C. Andersen, «O valente soldadiño de chumbo», algo máis complicado de ler polo seu vocabulario, pero igualmente moi divertido.
Convídovos novamente os venres no recreo á bibloiteca para escoitar os contos clásicos elexidos polas vosas compañeiras. ESPERÁMOVOS!!!

Tour Literario
Abr 13th, 2012 by condesa

Ben se pode chamar así a esta competición literaria que poñemos en marcha ao redor do tema da bicicleta.
Como xa sabedes acabamos de inaugurar oficialmente o noso aparcadoiro de bicicletas, nas traseiras do pavillón polideportivo, o que xunto ao remate do carril bici que polo Malecón ven dende o centro do Barco deica a zona escolar, vai permitir que algúns alumnos escollan a bicicleta como medio de transporte para vir ao colexio.
Para un colexio comprometido co coidado do medio ambiente e os hábitos saudables, promover o uso da bicicleta é case unha obriga… e tamén dende a biblioteca.
É por iso que decidimos poñer en marcha un concurso literario online no que poderán participar todo tipo de traballos escritos baixo a ampla cobertura da bicicleta.
Para participar engade un comentario a este artigo.
Pon o teu nome e curso e na caixa do comentario escribe o teu texto.
Podes escribir un miniconto, un poema, un recordo, unha aventura, un chiste… relacionada coas bicicletas.
Animádevos a participar!!
aparcadoiro de bicis

Novo número do Barquiño de Papel
Abr 12th, 2012 by condesa

Saiu xa do prelo, como quen di, o novo número do «barquiño de papel», o voceiro da nosa biblioteca, con novas sobre as actividades nas que estamos embarcados: Mercadiño de libros, letras galegas, procura do tesouro, concurso ciclista literario…
Consultade a versión dixital da revista!

Barquinho Abril 2012

Olark Livehelp

»  Substance: WordPress   »  Style: Ahren Ahimsa